O ENSINO-APRENDIZAXE DE LINGUAS ESTRANXEIRAS EN PAÍSES DA NOSA CONTORNA
Vivimos nun mundo globalizado no que a fala dunha única lingua, a materna, xa non é suficiente.
Por motivos laborais, económicos, tecnolóxicos ou culturais, a meirande parte da poboación é
estudante dunha ou varias segundas linguas, e os métodos de estudo variaron moito nos últimos
anos, co fin de perfeccionarse e adaptarse mellor ás nosas necesidades. Nesta clase fixemos un
pequeno repaso dos principais métodos de ensinanza de segundas linguas que xurdiron ao longo dos
últimos séculos, co fin de recopilar ideas e información de cara ao noso futuro como docentes.
Método de gramática-tradución
Este método de aprendizaxe de linguas naceu en Alemania, no século XIX, da man de Johann
Seidenstücker, Karl Plötz, H. S. Ollendorf e Hohann Meidinger. Tamén coñecido como método
prusiano, tivo gran auxe entre os anos 1840 e 1940.
O método de estudo baseábase na memorización e focalizaba o seu interese nas regras gramaticais,
os textos bilingües, o "recitado" de paradigmas (listas de palabras ou construcións que seguen a
mesma regra), a tradución e a literatura. Considerábase que a lingua escrita é máis pura que a lingua
falada, e por iso centraban o seu estudo na lectura e escritura.
Como vemos, a competencia oral non se traballa. Para comprender este método debemos
transladarnos ao momento no que xurde: o obxectivo de aprender unha segunda lingua non era
laboral nin social, senón unicamente cultural; non interesa aprender a comunicarse, senón coñecer a
literatura estranxeira, a lectura e maila tradución. Por este motivo non se exercitaban as
competencias orais.
Os aspectos positivos deste método son que se pode adquirir moito vocabulario mediante as listas
bilingües, exercita a memoria, comprendes a estructuras gramaticais e coñeces a literatura do
idioma e, con ela, a súa cultura. Pero tamén conta con moitos aspectos negativos, xa que ignora
totalmente a comunicación (que é o primeiro fin do sistema lingüístico), impártese na lingua
materna, e resulta un método duro e árido que require un alto grado de motivación personal para
sobrelevalo. Hoxe en día continuamos a empregar este método para o estudo de linguas mortas
coma o latín ou o grego clásico, pois a finalidade do estudo non é comunicarnos con elas senón
saber ler e traducir os seus textos.
Método natural
Tamén chamado o método de Gowin, naceu en 1860 nunha escola de Boston. Fronte ao método de
gramática-tradución, este da máis importancia á lingua oral e ás situacións reais. A partir da
observación de como os nenos adquiren a súa lingua materna, trata de imitar este proceso para a
aprendizaxe de segundas linguas creando situacións nas que se presente a lingua oral (enfoque
inductivo). Estes exemplos preséntanse nun contexto, apoiados de moirta mímica e acción, xa que
non se recurre á lingua materna. Ademais, a aportación máis relevante deste método foi a inclusión
do estudo da fonética, xa que defendíase que a capacidade de falar comeza co ensino da
pronunciación.
Movemento de reforma
O método natural deu pé a un movemento de reforma co empuxe intelectual de lingüistas como
Henry Sweet, Wilhelm Viëtor e Paul Passy. Revitalizouse a lingüística, estableceuse a fonética e
recoñeceuse a fala como a forma primaria da lingua (fronte á idea de que a lingua escrita era máis
pura). Así, en 1886 fundouse a asociación fonética internacional e estableceuse o Alfabeto Fonético
Internacional que hoxe en día empregamos. O movemento de reforma replanteouse cal era a mellor
forma de ensinar linguas estranxeiras, e defendeu as seguintes ideas:
- A lingua falada debe ser o obxecto de estudo.
- Os alumnos deben recibir formación fonética.
- Os principais materiais de traballo son os diálogos e textos de conversa.
- A gramática debe ensinarse mediante o enfoque inductivo: primeiro practícase a lingua en
contexto comunicativo e despois ensínanse as regras gramaticais.
- Débense evitar as comparacións e traducións coa lingua materna.
Método directo
Tamén coñecido como método Berlitz, ten a súa orixe en Francia e Alemania. Coma o método
natural, intenta que a aprendizaxe dunha segunda lingua sexa como a adquisición da lingua materna
e, para iso, na clase emprégase unicamente a lingua meta e soamente se traballa a destreza de
escoitar (as demais adquírense a partir desta). As clases consisten nunha continua interacción
mediante preguntas na que non se explica nin se pronuncian discursos, senón que a regra extráese
de forma inductiva a través do uso e dos exemplos prácticos, coa axuda de obxectos e debuxos.
Céntrase nas estructuras cotidianas da competencia oral e incide na pronuncia.
Este método tivo moita acollida en academias privadas, pero o seu problema era a falta dunha base
teórica rigurosa; isto é, a clase dependía unicamente da destreza do profesor, o cal resulta moi
esixente e agotador.
Método oral
Da man de H. Palmer e A. S. Homby, este método supón unha continuación do método directo.
Comezou a extenderse entre 1920 e 1930 e estivo vixente ata os anos 50, coa publicación da serie
Situacional Teaching en 1965 na que se recolle o proceso de selección (procedementos polos que se
elexía o contido léxico e gramatical), gradación (principios polos que se determinaba a organización
e secuenciación do contido) e presentación (técnicas utilizadas para a presentación e a práctica dos
elementos en curso). Estas son as principais características do método situacional de linguas:
- Na clase emprégase unicamente a lingua meta.
- O ensino da lingua comeza coa lingua falada, e unha vez que o alumno posúe un bo léxico e unha
boa base gramatical pásase á lectura e escritura.
- O material novo introdúcese de forma situacional, cunha específica selección do vocabulario e da
gramática para cubrir as diferentes situacións, as cales representan usos xerais e reais. Apoiábanse
tamén mediante obxectos e debuxos.
Método audiolingüe
Tamén chamado o método Fries, comezou a utilizarse en Estados Unidos trala Segunda Guerra
Mundial como axuda ao exército nas súas viaxes. O seu obxectivo era potenciar as destrezas de
comprensión e expresión oral como base para posteriormente desenvolver a lectura e maila
escritura.
O programa consiste na presentación controlada e gradual de elementos lingüísticos (fonolóxicos,
morfolóxicos, sintácticos e léxicos) sempre contrastados coa lingua materna; as actividades, pola
súa parte, son básicamente exercicios de memorización e repetición (drills), e están pensados para a
disposición de recursos audiovisuais. O docente actúa como modelo a imitar, controlando a
dirección e ritmo da clase, e o alumnado é adestrado para producir o comportamento esperado.
Unha clase de linguas mediante o método audiolingüe podería seguir o seguinte esquema:
1º Os alumnos escoitan un diálogo
2º O diálogo adáptase á situación dos alumnos
3º Os alumnos escenifican o resultado
4º Seleccionan estructuras do diálogo para a repetición, primeiro en grupo e despois
individualmente
5º Realízanse os exercicios do libro
6º Realízanse actividades prácticas no laboratorio de idiomas
Método comunicativo
Foi orixinado en Reino Unido nos anos 70 como reacción aos enfoques exclusivamente gramaticais.
Pero, ademais, o que o diferencia é que non estuda primeiro a competencia oral e despois a escrita,
ou ao revés, senón que defende como prioridade a competencia comunicativa dun xeito global que
integra ao mesmo tempo as catro destrezas: comprensión e produción orais e escritas.
Por outro lado, este método adáptase ás necesidades e contextos nos que o alumnado empregará a
lingua meta: viaxes, negocios, compras, descricións, comunicación diaria, etc. O temario, por tanto,
está baseado en funcións e o profesor axeita a lingua a cada situación. Os principios polos que se
rixe son:
- Atención ao uso da linguaxe apropiada para cada situación concreta (rexistros).
- Énfase na mensaxe, aínda que a forma non sexa extrictamente correcta.
- Intento real de simular procesos psicolingüísticos.
- Enfocado ao uso daquelas destrezas que suporían correr riscos no uso da lingua.
- Desenvolvemento de técnicas de práctica de produción libre (fronte aos exercición de repetición e
imitación).
- A gramática non é un fin en si mesma, senón un medio.
Resposta física total
A resposta física total ou método Asher tivo o seu momento de éxito nos anos 70 e partía da premisa
de que o cerebro humano ten un programa psicolóxico que permite aprender calquera lingua, e que
a memoria actívase co movemento físico. Para este método a competencia oral é fundamental e
dalle máis importancia á comprensión dos enunciados que á forma. Máis características:
- Non hai materiais preestablecidos.
- O profesor actúa como un director de teatro.
- As actividades poden ser tan sinxelas coma o xogo de Simon Says.
- Presta más atención ao significado que á forma.
- Defende que unha lingua debe aprenderse tal e como os nenos aprenden a lingua materna, que a
absorben durante meses sen poder falar (igual que o método natural e o método directo).
Na miña opinión, penso que toda unha clase con este método pode ser un erro pero utilizalo para
determinados temas (vocabulario do corpo humano, da aula, verbos de movemento, o imperativo,
etc.) nalgún momento da clase, de maneira que cambie o ritmo, pode ser unha boa idea.
Método do silencio
Fronte a métodos coma o anterior, baseados no imput, o método Gattegro (anos 60) toma o nome do
silencio que debe gardar o profesor ante o papel activo do alumno; as persoas empregan os seus
propios procesos mentais para descubrir as regras da lingua que está aprendendo e non os hábitos
adquiridos por imitación. Este método non cree na aprendizaxe por imitación e o profesor
unicamente usa recurre a xestos, mímica e apoios gráficos e visuais aos que o alumnado debe
responder. Máis características:
- A lingua preséntase coma series de cores que representan sons vocais e sons consonánticos.
- Non hai explicacións gramaticais.
- O vocabulario é crucial.
- A aprendizaxe vese coma un reto persoal do alumno (gracias ao papel activo e non pasivo).
- Espérase do alumno que desenvolva independencia, autonomía e responsabilidade.
- Trabállase a pronunciación dende o comezo.
Suxestopedia
Tamén coñecido como método Lozanov, tivo o seu momento de auxe nos anos 80. Defendía que a
aprendizaxe máis efectiva para o estudante ten lugar a través da suxestión, cando se atopa relaxado
e con baixa ansiedade. Características:
- O seu obxectivo é a linguaxe cotiá e a eliminación de barreiras psicolóxicas (ansiedade,
inhibición, baixa autoestima) que dificultan a aprendizaxe.
- É esencial a creación dun entorno no que o alumnado se sinta cómodo e relaxado (mediante sofás,
luz suave, música).
- Mínimo estudo da gramática, plasmada en carteis.
- A aprendizaxe concéntrase no vocabulario e as destrezas comunicativas orais.
- Tipos de actividades: listas de palabras para memorizar, diálogos, traducións, cancións,
dramatizacións.
- Evítase a correción inmediata do erro e a avaliación por métodos formais, por perturbaren a
atmósfera relaxada.
- A música e o ritmo son a base da aprendizaxe.
- A finalidade última é a capacidade de conversar.
Penso que é moi beneficioso e necesario ter en conta o estado sentimental dos nosos alumnos,
intentar que se sintan relaxados e motivados, que perdan o medo e a vergoña para poder ofrecer
máis de si mesmos, pero non podemos establecer criterios de que cousas resultan relaxantes, xa que
trátase de algo moi persoal. Por exemplo, a música, algo que pode empregarse como medio de
armonización, pode resultar ser un foco de discusión pola súa elección.
Enfoque por tarefas
A organización do traballo por tarefas xira arredor da realización dunha ou varias actividades co
propósito de acadar un obxectivo establecido previamente. A lingua é un instrumento para levar a
cabo as tarefas (pasa de ser un fin a ser un medio). Existen moitas modalidades dentro deste
enfoque, dependendo da interacción entre o profesor e o alumno, pero en todas elas o papel do
alumnado é activo, toma decisións e incorpora coñecementos previos propios, apelando á
creatividade. As leccións son unha secuencia de tarefas (que desembocarán nun proxecto) que
requiren razoamentos cada vez máis complexos, co profesor como controlador do proceso, que
pode axudar nalgún momento propoñendo actividades específicas para a resolución dos problemas
comunicativos que poidan ir aparecendo.
Despois de analizar esta serie de tan distintos métodos de ensinanza de linguas estranxeiras, penso que non existe o método perfecto, senón o maestro capaz de analizar as necesidades do seu alumnado e, co coñecemento dos distintos métodos, saiba crear un modelo adaptado e eficaz.
No hay comentarios:
Publicar un comentario